O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez e a secretaria nacional da Confederación Intersindical Galega (CIG), Zeltia Burgos, asinaron un acordo para implantar o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega. Galicia convértese, así, na primeira comunidade autónoma en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central no mes de setembro.
Este acordo ten unha vixencia de tres anos e regula as condicións e o procedemento para autorizar a prestación dos servizos na modalidade do teletraballo ao persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Esta modalidade será voluntaria e reversible tanto para o empregado público que o solicite como para a propia Administración. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización. En todo caso, as unidades administrativas contarán –con carácter xeral- cunha presenza diaria mínima obrigatoria do 40% dos seus efectivos.
O teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias –ordinaria, flexible ou especial- permitidas e a xornada de traballo diaria non poderá fraccionarse para ser prestada nas dúas modalidades (presencial e a distancia).
Ademais, o acordo recolle tamén a prioridade das vítimas de violencia de xénero, mulleres embarazadas, persoas con discapacidade, maiores de 60 anos, aquelas que teñan necesidade de conciliación da vida familiar e persoal e as persoas que teñan un maior tempo e distancia de desprazamento do domicilio ao lugar de traballo para acollerse á modalidade de teletraballo. O acordo tamén recoñece expresamente o dereito á desconexión dixital dos empregados públicos.