Cabana, Coristanco e a Xunta licitan a mellora na AC-423 por 1 millón de euros

1 minutes read
  • As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 12 de abril

O proxecto de acondicionamento e mellora da AC-423 está cada vez máis preto de materializarse. O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, participou este luns nunha xuntanza co seu homólogo de Coristanco, Juan García, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que se anunciou a licitación do contrato por máis dun millón de euros.

Melloraranse as condicións de seguridade nun treito de 5.350 metros da estrada que une Ponteceso de Cabana con Grilloi e que conecta o municipio coa autovía da Costa da Morte. O obxectivo é mellorar as condicións de seguridade dos usuarios da vía, rectificando varias curvas perigosas e mellorando o firme nos treitos máis deteriorados. Executaranse, ademais, tres treitos de sendas peonís cun total de 1.400 metros de percorrido que conectarán cos que xa existen na actualidade.

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 12 de abril. A previsión é de comezar as obras este verán e finalizalas a comezos do 2022, cun prazo de execución de seis meses.

José Muíño destacou a importancia desta intervención para o municipio xa que «a AC-423 é unha estrada que non só serve para unir varias parroquias de Cabana, senón para conectarnos co resto da comarca e de Galicia a través da autovía”.