Din os sindicatos que Alcoa é un negociador duro. Dende que anunciaron o peche en outubro pasado, as reunións maratonianas repítense. Esta última durou doce horas pechados nun hotel de Madrid. A multinacional pretendía que os dous comités de empresa ratificaran o acordo de venda, algo ao que se negaban. Finalmente, plasmaron a súa sinatura nunha acta a título informativo. E con isto ábrese un novo prazo. Parter Capital, o comprador interesado, ten que presentar as garantías financeiras esixidas por Alcoa, uns 30 millóns de dólares, antes do 31 de xullo. E mentres tanto, os traballadores manteñen as condicións actuais.
Juan Carlos López Corbacho, comité de empresa de Alcoa na Coruña: «É un capítulo máis sen o que non podemos escribir o seguinte. Se non se vende, xa sabemos cal é a alternativa, porque non hai inversor e terase que aplicar un plan industrial na planta»
Se Parter proba a súa solvencia antes de final de mes, pecharase a venda das plantas da Coruña e de Avilés. O fondo suízo garante a continuidade dos traballadores e da produción durante dous anos.