Os 200 países reunidos na COP26 adoptaron o sábado un acordo para acelerar a loita contra o quecemento global, sen garantir a súa contención en 1,5º C nin responder as peticións de axuda dos países pobres. O texto, bautizado como «Pacto Climático de Glasgow», foi adoptado ao final de dúas semanas de duras negociacións, co mazo do presidente británico da conferencia mundial sobre o clima, Alok Sharma.
Testemuña da dificultade de alcanzar este acordo, o presidente da COP26 dixo con voz emocionada e con bágoas nos ollos que lamentaba «profundamente» os cambios de última hora introducidos na cuestión dos combustibles fósiles a pedimento de China e India. Anteriormente dixera que o acordo «inaugura unha década de crecente ambición» en materia de clima. En canto á cuestión crítica da limitación das temperaturas, co planeta nunha traxectoria de quecemento «catastrófico» de 2,7° C en comparación coa era preindustrial, o texto pide aos Estados membros que aumenten os seus compromisos de redución de forma máis constante que o previsto no acordo de París, e isto a partir de 2022. Pero coa posibilidade de realizar axustes por «circunstancias nacionais especiais», un punto que provocou as críticas das ONG sobre as verdadeiras ambicións do texto. O compromiso alcanzado non garante o cumprimento dos obxectivos do acordo de París, limitando o quecemento a «moi por baixo» de 2° C e, se é posible, a 1,5° C.