Acordo para crear unha mesa industrial para tratar de manter o emprego na factoría Vestas


A Xunta ofrécese a colaborar co Goberno central na busca dunha solución para Vestas, para abordar conxuntamente o proceso de negociacións do ERE e, a partir de aí, traballar tamén sobre o futuro industrial e o mantemento do emprego. A ese respecto, o conselleiro Francisco Conde, anuncioulle aos traballadores da factoría o acordo de constituír unha mesa industrial entre os sindicatos, o comité de empresa, o Goberno central –a través do Ministerio de Industria e o Ministerio para a Transición Ecolóxica– e a propia Xunta de Galicia para “identificar posibles solucións que permitan o obxectivo compartido que é manter o emprego”, asegurou. A tal efecto, a Administración autonómica e os traballadores trasladaranlle esta idea por carta ao Executivo central para que poida identificar tamén as oportunidades e traballar así conxuntamente na busca de solucións.