A Deputación da Coruña colabora co Concello de Tordoia na xestión do punto de atención de visitantes do dolmen de Cabaleiros.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do municipio, Eduardo Antonio Pereiro Liñares, asinaron o convenio de cooperación a través do que a Deputación achega 3.815,59 euros para financiar o servizo de atención e información a visitantes deste espazo, que forma parte do patrimonio provincial e no que a institución provincial coruñesa realizou numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación e posta en valor. Ao acto asistiu tamén o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas.
O servizo funcionará desde o 1 de xullo ao 30 de setembro, estando aberto o punto de atención os sábados, domingos e festivos en horario de 11:00 horas a 19:00 horas. As visitas guiadas ao espazo son de carácter gratuíto.
Ambas institucións buscan con este acordo o impulso de actividades educativas e didácticas no dolmen de Cabaleiros, así como a posta en valor do espazo.