Acordo para manter as libretas de aforro para maiores de 65 anos


A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, reuniuse coas patronais das entidades de crédito (AEB, CECA e UNACC), con representantes dos intereses dos usuarios financeiros (ASUFIN, Plataforma de Maiores e Pensionistas, e Carlos San Juan) e o gobernador do Banco de España para avaliar o funcionamento das medidas subscribidas no último ano.

Na reunión, que como indicou a vicepresidenta desenvolveuse dunha forma «moi cordial e produtiva», constatouse o impacto positivo dos Protocolos e Códigos de Boas Prácticas para o apoio das persoas maiores ou discapacitadas, a prestación de servizos presenciais en zonas rurais e o alivio de familias vulnerables con hipotecas a tipo variable.

Igualmente, acordáronse medidas concretas para seguir avanzando nas áreas de mellora identificadas para a atención personalizada dos clientes financeiros e o alivio das familias máis afectadas pola rápida subida do Euribor. Abordouse a situación e perspectivas económicas, con especial atención á evolución dos tipos de xuro e a remuneración dos depósitos.

Co fin de mellorar a implementación dos protocolos acordáronse novas medidas para avanzar no cumprimento dos compromisos adquiridos. Así, as entidades financeiras comprometéronse a manter as libretas de aforro para as persoas maiores de 65 anos e a estudar a forma de comunicar máis proactivamente as opcións dispoñibles de alivio da carga hipotecaria para os clientes.