Acordo para que que Xunta e Goberno central xestionen conxuntamente o Ingreso Mínimo Vital


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, acordaron este xoves que a Xunta e o Goberno central xestionen conxuntamente o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Trátase dunha fórmula que xa se emprega coas pensións non contributivas, nas que os fondos proveñen da Administración Xeral do Estado e a tramitación e pagamento aos beneficiarios depende da comunidade autónoma.

“Galicia xestiona 37.000 pensións non contributivas, polo que pensamos que o Ingreso Mínimo Vital debería funcionar dunha forma parecida, é dicir, a través dunha xanela única para todos os cidadáns”, explicou Feijóo, incidindo en que esta fórmula será boa para o Goberno central, para a Administración autonómica e, sobre todo, para os cidadáns. Esta coxestión levarase a cabo, tal e como puntualizou, con “solidariedade e lealdade”.

O encontro entre o titular do Executivo galego e o ministro Escrivá serviu ademais para presentar o proxecto que Xunta e Goberno central porán conxuntamente en marcha para axudar á inclusión social das familias con menos recursos e con menores a cargo.

Cun investimento de 10,7 millóns de euros e máis de 1.700 familias beneficiarias, estes fogares terán a súa disposición un apoio social personalizado, destinado a achegar estabilidade e certezas á familia e a apoiar a traxectoria escolar dos nenos. Dentro deste acompañamento desenvolveranse medidas como clases de reforzo escolar, asesoramento para mellorar a empregabilidade, cursos para a xestión da economía doméstica ou de promoción de hábitos saudables e axudas directas para o pago do aluguer, compra de gafas ou facturas de dentista.