Acordo para reparar a fachada e carpintería exterior do centro de saúde de Cesullas, en Cabana

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, asinaron un convenio no que se establecen as bases de financiamento, por importe de máis de 49.000 euros, para levar a cabo diversas obras de reforma no centro de saúde de Cesullas, que consistirán na reparación da fachada exterior, na limpeza de sumidoiros e baixantes, no pintado de estancias e na reparación da carpintería exterior.

Así, o contrato de obra será licitado e tramitado polo Concello e o seu financiamento será compartido entre ambas administracións. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo.

Segundo a memoria presentada polo Concello para acompañar a tramitación deste convenio, para a reparación da fachada exterior optarase pola formación de fachada ventilada a través da instalación dun sistema de perfilería de aluminio portante, sistema de uña vista, colocación de la de roca e revestimento a base de cerámica porcelánica. Pola súa banda, a actuación na carpintería exterior consistirá no seu selado e limpeza da unión con parámetro exterior.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha