No Pleno ordinario celebrado este venres foron aprobados por unanimidade dos tres grupos da Corporación municipal os dous asuntos promovidos polo goberno local.
Un deles foi o destino dos fondos do programa provincial POS+2020. O Concello da Laracha percibirá un total de 683.169,14 euros divididos en tres achegas diferentes: 76.711,81 euros corresponden á execución de obras, 289.478,36 euros son a parte relativa ao préstamo provincial para o financiamento de proxecto de mellora das infraestruturas públicas municipais e, por último, 316.978,97 euros destinaranse a gasto corrente. Ademais, aprobáronse outros dous proxectos por un importe conxunto de 349.813,96 que corresponden ao plan complementario.
O outro asunto aprobado por unanimidade foi a modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT) promovida coa finalidade adecuar a nova estrutura dos servizos económicos do Concello á existencia de dous postos de habilitados nacionais nese departamento. Implica a amortización por duplicidade de funcións dun posto vacante na RPT (técnico de intervención) e a creación de dous novos postos: o de tesoureiro (funcionario de Administración Local con habilitación de carácter nacional) e o de auxiliar administrativo.
Este acordo será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estará en exposición pública por un período de vinte días.