A Xunta de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG) veñen de acadar na Comisión de Persoal, o acordo sobre a implantación do novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega.
Este acordo que será asinado nos vindeiros días e terá unha vixencia de tres anos, converte a Galicia na primeira comunidade en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central en setembro.
A nova normativa ten como obxectivo regular as condicións e o procedemento para autorizar a prestación dos servizos na modalidade do teletraballo ao persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Considérase teletraballo á modalidade de prestación de servizos a distancia na que o contido competencial e funcional do posto de traballo pode desenvolverse –sempre que as necesidades do servizo o permitan- fóra das dependencias da Administración mediante o uso das tecnoloxías da información e comunicación.
Esta modalidade será voluntaria e reversible tanto para o empregado público que o solicite como para a Administración. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización. En todo caso, as unidades administrativas contarán –con carácter xeral- cunha presenza diaria mínima obrigatoria do 40% dos seus efectivos e a xornada de traballo diaria non poderá fraccionarse para ser prestada nas dúas modalidades (presencial e a distancia).
O teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias –ordinaria, flexible ou especial- permitidas. Os días nos que se desenvolva a modalidade de teletraballo, o horario de referencia para as persoas que o teñan autorizado será, con carácter xeral, o comprendido entre as 9,00h e as 14,30h. Ademais, o acordo recoñece expresamente o dereito á desconexión dixital dos empregados públicos.