Acreditación covid obrigatoria para acceder a locais de ocio nocturno en concellos en nivel medio


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou da obrigatoriedade de presentar o resultado dunha proba diagnóstica negativa -realizada nun máximo de 48 horas-, ou o certificado de vacinación completa, para acceder aos locais de ocio nocturno nos concellos galegos nos que rexan as medidas do nivel medio. Unha obriga que non será necesaria nos concellos de nivel medio-baixo, dada a aposta polo desenvolvemento dun ocio seguro e a preocupación das autoridades sanitarias polo aumento de casos positivos entre a mocidade.

Nesta liña, a Xunta pechará os espazos onde habitualmente se celebran botellóns -parques, praias, prazas, etc-, entre as 00:00h e as 6:00h. Así, lembrou que este tipo de xuntanzas están prohibidas, solicitando a colaboración da xente moza, e apelando a súa responsabilidade individual.
Entre as decisións acordadas polo comité clínico, tamén se puxo de relevo a intensificación na realización de cribados entre a poboación con idades comprendidas entre os 19 e os 35 anos. Así, avanzou que o departamento sanitario xa está a ultimar unha nova modalidade voluntaria de cribado, mediante a que se poderá solicitar a realización dunha proba PCR, sen necesidade de ter unha cita previa.