Acreditados 62 profesionais como guías no Parque nacional das Illas Atlánticas

1 minutes read

A Xunta acaba de acreditar 62 profesionais de distintos sectores como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia logo do curso formativo que realizaron nos últimos meses.

A actividade, organizada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prolongouse desde o pasado mes de xullo ata este outubro e combinou formación teórica e práctica para achegar os principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos dos arquipélagos a profesionais procedentes de distintas ramas vencelladas co sector do turismo.

A primeira parte do curso, cunha duración de 70 horas e matrícula gratuíta, impartiuse mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña e prolongouse ata agosto. Os participantes tamén recibiron 30 horas de formación práctica, presencial e obrigatoria, que se desenvolveu tanto no centro de visitantes como nas propias Illas Atlánticas en outubro.

Esta formación vai especialmente orientada a aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socioeconómica do Parque Nacional que pretendan exercer no mesmo e necesiten formación especializada para iniciar, guiar e dar a coñecer os valores deste espazo, concienciar sobre a súa conservación e dinamizar grupos.

Deste xeito, recibiron coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental co fin de capacitar aos alumnos para o desenvolvemento das actividades necesarias para guiar a persoas ou grupos.