A intensa borrasca que afectou este luns a Galicia deixou asolagamentos en moitas vilas. En Caldas de Reis as rúas convertéronse en ríos. A rede de saneamento foi incapaz de asimilar tal cantidade de agua e a primeiras horas do día os coches xa comezaban a ter dificultades para moverse. A media xornada, algún vehículo xa estaba totalmente atrapado. Protección Civil traballou sen descanso para atender desprendementos, caídas de árbores pero sobre todo, asolagamentos en baixos e garaxes.
En Pontevedra pecharon a rúa das Leitugas por medo a que se desprenda a medianeira dun edificio. Os ríos multiplicaron todos o seu caudal. En Ourense, vendo como baixaba o Miño, xa lle perderon o medo á seca. As chuvias máis fortes concentráronse no interior da provincia de Pontevedra, na Baixa Limia e no sur da provincia da Coruña. Os refachos de vento superaron os cen quilómetros por hora en todas as provincias, tanto en zonas costeiras como en zonas altas do interior. De feito, o vento obrigou a desviar ou cancelar un total de 10 voos no aeroporto de Vigo. A borrasca tamén obrigou á maior parte da flota a quedar amarrada a porto.