Activada a alerta laranxa por vento e temporal costeiro na Coruña e Lugo


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por vento en Lugo (na Mariña e na Montaña), no interior de Pontevedra e na Coruña. Ademais, tamén activa a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias de Lugo e Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), os fenómenos meteorolóxicos adversos costeiro e de vento comezarán a primeiras horas da noite de hoxe. Os refachos de vento do sur e suroeste en terra poderán acadar os 100 quilómetros de hora. Na costa, espéranse ventos do suroeste de forza 8 e ocasionalmente 9.

No referente ao temporal costeiro, a Xunta recorda a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.