- O Sergas levará a cabo unha vixilancia activa e diaria de tódolos contactos rexistrados
A Consellería de Sanidade puxo en marcha este luns a plataforma tecnolóxica de seguimento coa que rastrexará e monitorizará os contactos das persoas infectadas por Covid-19. Dotado cun equipo inicial de 20 operadores, o departamento sanitario da Xunta estima que superará os 50 profesionais nas vindeiras dúas semanas.
Se un paciente é sospeitoso de padecer COVID-19, o seu médico facultativo solicitaralle a proba PCR e a plataforma tecnolóxica activará unha enquisa inicial que esta persoa deberá completar, e a que se lle pedirán os datos daquelas persoas coas que puido manter un contacto estreito desde dous días antes do comezo dos síntomas até o momento do seu illamento.
O sistema de rastrexo galego será monitorizado diariamente por técnicos de Saúde Pública dos Servizos Centrais e das Xefaturas Territoriais, que avaliarán e controlán a calidade de todo o sistema, a validez da información e a resolución de incidencias. Do mesmo xeito, tamén colaborarán nas tarefas de seguimento Atención Primaria, principalmente nos casos confirmados, os servizos de Medicina Preventiva, naqueles casos nos que os pacientes estén ingresados, e os Servizos de Prevención de Riscos Laborais, no caso de producirse algún abrocho neste ámbito.
Desta forma, o Sergas levará a cabo unha vixilancia activa e diaria de tódolos contactos rexistrados podendo, grazas a identificación das súas necesidades específicas, achegárllela información máis axeitada para cada situación.