Activada para este martes unha alerta laranxa por temporal costeiro en A Coruña e Lugo

1 minutes read
Temporal en Barizo_nhdiario.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir deste martes pola tarde dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa con vento do oeste forza 8 na Coruña -entre Prior e Bares- e na costa de Lugo con mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros. Nas Rías Baixas o nivel de alerta será amarelo con mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.

Ademais, e ao longo da xornada tamén haberá alerta amarela por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 milímetros no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e no interior de Pontevedra, así como ventos do suroeste rolando a oeste con rachas máximas ata 90 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.