Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse ventos do sur e do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir do mediodía ao oeste e suroeste da Coruña e en toda a provincia de Pontevedra.
A Aemet tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur de forza 8, que no oeste da Coruña poden chegar a forza 9, ademais de mar combinada do oeste e do suroeste con ondas de entre 5 e 6 metros, que temporalmente poden aumentar a entre 6 e 7 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.