Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso estenderase a toda a costa. Agárdanse ventos do oeste ao noroeste de forza 8 e ondas de ata 7 metros. A borrasca vai deixar tamén refachos de vento en nivel de alerta amarelo na franxa costeira e no interior das provincias da Coruña e Lugo, así como na montaña da de Pontevedra. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.