Trátase dunha nova liña de transporte público que conectará Santiago de Compostela, Bertamiráns, Noia, Muros, Cee e Fisterra, contando cunha parada en Ponte Nafonso para dar servizo aos veciños deste núcleo que precisen desprazarse a Outes para facer xestións.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con esta iniciativa, responde á solicitude do Concello de Outes para mellorar as conexións do transporte público co obxectivo de que a veciñanza de Ponte Nafonso se poida achegar, por exemplo, ao Concello, ao centro de saúde ou ás entidades bancarias.
O servizo de ida ten a súa saída de Santiago de Compostela ás 10 horas e a expedición de volta sae de Fisterra ás 11,45 horas, ambos os percorridos con parada a demanda en Ponte Nafonso.
Os usuarios poderán consultar na páxina web www.bus.gal as horas de paso desta expedición, así como solicitar a realización da parada a demanda, que tamén se poderá efectuar a través do teléfono 988 68 78 00.