Activado o peche perimetral en seis dos sete concellos da comarca de Bergantiños

1 minutes read
  • A hostalería deberá pechar e as reunións só se celebrarán entre convivintes

Seis dos sete concellos que conforman a comarca de Bergantiños, e a localidade de Ribadavia (Ourense), contarán desde este venres con novas restricións sanitarias impostas pola Xunta de Galicia para intentar frear a expansión do coronavirus. Deste xeito actívase un peche perimetral en Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica, Ponteceso e Cabana. Soamente A Laracha permanecerá co mesmo nivel de restricións que mantiña até o de agora.

Tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa, a partir das doce da noite deste venres e durante catro semanas os habitantes destes concellos non poderán entrar ou saír da comarca sen xustificación.

Entre as medidas impostas, que desde hoxe afectarán a un total de 67 concellos galegos, especifícase que a hostalería deberá pechar e manter só o servizo a domicilio e, ademais, as reunións tan só poderán realizarse entre convivintes.