Activado o Plan Inungal polas persistentes choivas

Río Anllóns ao seu paso por Carballo.

As constantes borrascas rexistradas na comunidade galega nos últimos días son a causa pola cal a Xunta mantén activo o Plan Especial de Risco por Inundación ante a subida do caudal nalgúns ríos. En Carballo diferentes zonas “quentes” víronse desbordadas, aínda que sen consecuencias graves. Auga e terra procedente de varias leiras desbordaron polas beirarrúas e a beiravía da rúa Compostela, o leito do río Anllóns mantívose ao límite do seu desbordamento en numerosos puntos de Carballo. Ademais un carril da AC-552 estivo cortado por momentos na avenida da Revolta, tras a baixada contundente de auga da zona de obras da área comercial do Formigoso. Tamén houbo problemas nos caudais de diferentes ríos de Val do Dubra e Santa Comba.

Dende a medianoite do mércores e ata as 8 da tarde deste xoves recolléronse en Lousame 87 litros por metro cadrado. A provincia da Coruña foi a que máis chuvia recibiu. Sobresaen os 71 litros de Boiro, ou os 62 de Santa Comba. En Rois caeron 58 litros e superaron os 50 na zona de Santiago, Padrón, Coristanco ou Val do Dubra.

Lémbrase a necesidade de incrementar a precaución, principalmente nas estradas e vías secundarias próximas de pontes ou torrentes pois a subida repentina do caudal pode provocar dificultades na circulación.

Balsa de auga xunto á Agra do Formigoso en Carballo.