Activan o plan anticontaminación por unha mancha de fuel na ría de Arousa

Fonte.- Delegación del Gobierno en Galicia.

Segundo informa a Consellería do Mar nun comunicado, a mancha, que ten unha extensión de 1.300 por 500 metros, foi avistada por un avión de Salvamento Marítimo que realizaba un voo de observación. Deste xeito, como medida preventiva, o Intecmar decretou o peche cautelar do único polígono de bateas que estaba aberto na zona (o Ribeira B). A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comunicou a activación do plan anticontaminación da comunidade, á vez que solicita ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que poña en marcha o Plan Marítimo Nacional, xa que considera que é o que corresponde ao tratarse dun episodio no mar mentres o fuel non chegue á costa. Pola súa banda a Delegación do Goberno en Galicia, informa que a mancha foi localizada e enviados medios de control para seguir a súa evolución.