Activas as axudas que garanten a economía das vítimas da violencia de xénero en Galicia

1 minutes read
Stop violencia de género

A Xunta ten activas todas as convocatorias para este ano das axudas coas que apoia a independencia económica das mulleres vítimas da violencia de xénero e garante as indemnizacións correspondentes ás feridas de gravidade e ás fillas e fillos orfos por mor desta lacra.

O Goberno destina 7,4 millóns de euros en total en 2021 -aínda que estas contías poderían incrementarse en función das necesidades- a catro apoios fundamentais que sitúan á Comunidade en cabeza na axuda dispensada ás vítimas da violencia de xénero: axudas de pago periódico, de pago único, de indemnización e para mulleres feridas de gravidade e/ou fillas e fillos orfos.

O obxectivo é o de garantir con estes apoios que as mulleres vítimas da violencia de xénero teñan unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor e que conten con ferramentas para dar o primeiro paso de ruptura cunha situación na que corren perigo e acompañalas para rachar coa violencia.