Actividade interxeracional entre o IES de Ponteceso e o Centro de Día de Cabana

2 minutes read

O ciclo medio de Atención a personas en situación de dependencia do IES Eduardo Pondal de Ponteceso segue a tecer redes dentro da comarca. Nesta ocasión organizou de novo unha actividade interxeracional entre o alumnado de 2º da ESO e as persoas usuarias do Centro de Día de Cabana, nesta ocasión para realizar unha sesión de xogos de mesa, partidas de cartas e conversa, na que de seguro aprenderán moito uns e outros.

A atención a persoas en situación de dependencia vai máis aló dos coidados asistenciais, e poñer en valor o acompañamento, o lecer, a posta en valor dos saberes das persoas maiores e a estimulación cognitiva, son fundamentais no bo trato aos nosos maiores. “Todo isto transmitímolo no ciclo medio e queremos realizar tamén unha labor de concienciación comunitaria na nosa contorna máis próxima en especial, na mocidade”, afirman dende o IES.

A colaboración co Centro de Día sempre foi aberta e entusiasta dende que abriu o ciclo no noso centro o pasado curso.  Sempre se amosou aberto a colaborar e axudar na formación do alumnado do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia.

As persoas usuarias do centro, sempre manifestan a súa alegría de compartir estes tempos de xogos porque “cargamos as pilas cos nenos”, e o alumnado leva esperando desde principio de curso a oportunidade de voltar xogar ao centro de día, xa que o pasaron moi ben o ano pasado e aprenderon moito das persoas maiores.

“Contamos seguir con estas colaboracións nos vindeiros cursos, para seguir ofertando tanto ao noso alumnado como á nosa contorna actividades de concienciación e formación de calidade no eido da atención á dependencia, unha profesión de futuro e tan necesaria na nosa contorna, sen ir máis lonxe en abril, serán as persoas usuarias do Centro de Día, convidadas especiais da semana cultural do instituto”, conclúen.