O ciclo medio de Atención a personas en situación de dependencia do IES Eduardo Pondal de Ponteceso segue a tecer redes dentro da comarca. Nesta ocasión organizou unha actividade interxeneracional entre o alumnado de 1º da ESO e as persoas usuarias do Centro de Día de Cabana, que serviu como colofón final a un curso no que ambas entidades realizaron actividades en conxunto como o envío de postais de nadal, as visitas para coñecer o día a día de cada un dos centros, e nesta ocasión realizar unha tarde de xogos de mesa, partidas de cartas e conversa, na que aprenderon moito uns e outros.
A atención a persoas en situación de dependencia vai máis alá dos coidados asistenciais, e poñer en valor o acompañamento, o lecer, a posta en valor dos saberes das persoas maiores e a estimulación cognitiva, son fundamentais no bo trato aos nosos maiores. Todo isto transmitímolo no ciclo medio e queremos realizar tamén unha labor de concienciación comunitaria na nosa contorna máis próxima en especial, na mocidade.
O concello de Ponteceso apoiou en todo momento e fixo posible que se realizara esta actividade, así como o Centro de Día que sempre se amosou aberto a colaborar e axudar na formación do alumnado do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia.
As persoas usuarias do centro, amosaron a súa alegría de compartir estes tempos de xogos porque “cargamos as pilas cos nenos”, e o alumnado comentou que lle gustou moito aprender e ensinar xogos novos, e que o pasaron moi ben porque todas as persoas maiores eran moi simpáticas.
Contan seguir con estas colaboracións nos vindeiros cursos, para seguir ofertando tanto ao alumnado como á contorna actividades de concienciación e formación de calidade no eido da atención á dependencia, unha profesión de futuro e tan necesaria na zona.