EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Mes Europeo da Diversidade cunha xornada intercultural arredor da diversidade de orixes e de culturas. A actividade Construíndo Pontes levarase a cabo con estudantado de dúas escolas implicadas na difusión dos valores europeos como son o IESP Pedra da Aguia de Camariñas e o colexio Padre Feijóo-Zorelle de Ourense e que presentan taxas moi diferentes de alumnado foráneo: mentres que no centro ourensán se rexistra o 70% no camariñán esta taxa é dun 3%.
Con este escenario, alumnado de 4º da ESO dos dous centros educativos compartirán unha xornada de actividades e convivencia en Ourense na que reflexionarán e debaterán sobre diversidade e integración cultural e coñecerán da man dos alumnos e alumnas como funcionan os centros. Tamén abordarán as políticas europeas de diversidade e inclusión e celebrarán un espazo participativo no que extraerán as conclusións da xornada.
O encontro Construíndo Pontes entre Camariñas e Ourense terá lugar o venres 29 de abril e atópase entre as actividades previstas neste Mes Europeo da Diversidade. Os obxectivos da xornada son promover a inclusión e integración a través dunha xornada inmersiva de diálogo intercultural e sensibilizar aos mozos e mozas sobre a diversidade cultural e os riscos da discriminación. Ademais, busca contribuír á transferencia de boas prácticas na educación para crear espazos igualitarios e integradores dentro do sistema educativo.