O Concello da Laracha únese o venres 15 de outubro á conmemoración do “Día Internacional das Mulleres Rurais”, e a tal efecto convoca a segunda edición do concurso de fotografía “Día da Muller Rural” no que se repartirán premios por valor de mil euros.
O obxecto do certame é reflectir nas imaxes as particularidades das mulleres rurais presentes e pasadas da Laracha, poñer en valor o papel e o traballo desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local.
Poderá participar no concurso de forma individual calquera persoa que sexa residente no termo municipal da Laracha.
O concurso de fotografía “Día de Muller rural” consta de dúas categorías:
- “Mulleres rurais do presente”: As fotografías recollerán imaxes da vida cotiá das mulleres do rural da Laracha na actualidade. O obxectivo é que as fotografías poñan en valor o papel e o traballo desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local da Laracha.
- “Mulleres rurais do pasado”: As fotografías recollerán imaxes da vida cotiá das mulleres do rural da Laracha no pasado. O obxectivo é recuperar fotografías antigas que amosen aspectos da vida e o traballo das mulleres rurais da Laracha no pasado.
As persoas que desexen participar teñen que enviar a fotografía e unha breve descrición da mesma a través do formulario que estará dispoñible na web municipal ou ben de xeito presencial no Edificio Administrativo da Laracha. O prazo para entregalas será do 22 de setembro ao 6 de outubro.
Repartiranse un total de mil euros en seis premios ás tres fotografías de cada categoría que obteñan máis “me gusta” no Facebook do Concello da Laracha dende o día 7 e o 13 de outubro ás 10:00 horas. A contía dos premios de cada categoría sé:
- 1º premio: 300 euros.
- 2º premio: 150 euros.
- 3º premio: 50 euros.