Actividades sobre educación viaria na Fundación Eduardo Pondal

1 minutes read

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou este martes en Ponteceso nas actividades sobre educación viaria organizadas pola Fundación Eduardo Pondal, na súa Escola de Verán, onde salientou a importancia de inculcar nos máis novos a cultura da seguridade viaria para que a aprendizaxe de hoxe lles sirva e a apliquen no mañá, cando se convertan, ademais de peóns, tamén en condutores, e transiten polas estradas.

Vázquez Mourelle, que quixo compartir este tempo de divertimento e aprendizaxe cos nenos e mozos dos concellos veciños de Laxe, Malpica, Cabana e Ponteceso, explicou que as actividades sobre educación viaria nesta escola de verán responden á necesidade de fomentar entre os máis novos hábitos e condutas seguras e responsables cando se moven pola estrada. Actividades que o departamento que dirixe cofinancia coa Fundación Eduardo Pondal, e na que participan 100 rapaces de 3 a 16 anos destes 4 municipios.

A conselleira sinalou que a Xunta e a Fundación Eduardo Pondal están a colaborar neste proxecto conscientes de que o que se aprende de pequenos permanece na memoria ao longo de toda a vida, non se esquece nunca. Engadiu, que estas condutas responsables se agarda que as leven, tamén, ao ámbito familiar, sendo exemplo para país e avós, e mesmo actuando como “correctores” cando estes fagan algo inadecuado na estrada.