A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e de limpeza no treito interurbano do río Sardiña e do rego de Aneiros, no concello de Ferrol.
Os traballos execútanse en distintos tramos destes ríos, ao longo de case 3 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por diversos lugares da parroquia de San Salvador de Serantes.
As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.