Actualización do alumeado portuario de Ribeira con equipos de tecnoloxía LED


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, renovará o alumeado portuario do municipio de Ribeira con máis de medio cento de equipamentos, luminarias, proxectores e software de telexestión. Así llo trasladou a titular de Mar, Rosa Quintana, ao alcalde de Ribeira e ao patrón maior da confraría de pescadores da localidade nunha visita ao porto, na que subliñou que esta actuación mellorará as condicións de iluminación e eficiencia enerxética, procurando unha reducida contaminación luminosa. Esta actuación, cun orzamento de 340.000 euros, inclúese nun contrato conxunto de 3,8 millóns de euros que Portos de Galicia ten en licitación para unha trintena de dársenas autonómicas co obxectivo de dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable o conxunto do sistema portuario autonómico.