Actualizadas as medidas para facer fronte á corentena da couza da pataca


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que prorrogan todas as medidas fitosanitarias establecidas nas zonas infestadas e nas zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control do organismo de corentena Tecia Solanivora Povolny, isto é, da couza guatemalteca da pataca. Dita resolución mostra un avance significativo na contención desta praga.

Na Costa da Morte trátase dos municipios de Cee e Fisterra.

Doutra banda, pasa a considerarse zona tampón a totalidade da superficie das parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordelos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha.

En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Zonas infestadas

A esta área súmanse ás parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo; de Lendo e Caión, no concello da Laracha; de Nosa Señora da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía.

En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona.