Actualizado o protocolo fronte á covid das escolas infantís para o próximo curso

Imagen del logotipo de A Galiña Azul

A Xunta de Galicia vén de actualizar o protocolo fronte á covid-19 das escolas infantís para adecuar as medidas implantadas o pasado curso ao coñecemento actual, aos avances na vacinación e á evidencia científica. Logo de recibir o aval do Comité Clínico, para o vindeiro curso revisaranse determinadas obrigas e flexibilizaranse algunhas restricións, mantendo sempre a seguridade.

Manteranse algunhas das medidas do protocolo inicial, será necesaria a ventilación, a limpeza e a desinfección de mans e dos espazos, será obrigatorio o uso de máscaras para o persoal, deberá efectuarse un control adecuado de acceso ao centro de provedores e terceiros, manterase a distancia de seguridade entre traballadores e evitarase coincidir en espazos reducidos, entre outras medidas.

A actualización do protocolo trae consigo diferentes medidas de flexibilización que repercutirán directamente no funcionamento do centro e no seu día a día. A partir de agora as nenas e nenos poderán utilizar dentro da escola o calzado que xa traen posto da casa; os centros poderán establecer no seu plan de continxencia, e segundo as súas características, o acceso restrinxido dos pais á aula nos períodos de adaptación e mantendo as medidas de prevención axeitadas; poderán deixar os carriños; e en exteriores, de ser necesario, permitirase que coincidan varias unidades estables de convivencia.

Ademais destas medidas, tamén mudarán outras. Desde setembro os profesionais non terán que realizar a enquisa de autoavaliación, non será necesario que se fagan entradas e saídas graduadas do persoal, permitiranse as actividades grupais na escola e as asociacións de nais e pais de alumnos poderán realizar reunións no centro, sempre que se produzan fóra do horario de atención educativa.