Actualizados os protocolos para os espectáculos ao aire libre

1 minutes read

A melloría da situación sanitaria e o avance da vacinación permite flexibilizar as normas para celebrar eventos culturais ao aire libre en que finalmente se poderán reunir ata 5.000 persoas de pé e 10.000 sentadas. Así o avanzaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, nun acto ao que asistiron representantes de colectivos da música en diferentes formatos como festivais e verbenas aos que lles pediu responsabilidade para a celebración de eventos este verán.

No caso dos eventos de pé, a capacidade máxima será de 5.000 persoas que terán que dividirse en “celas ou sectores” independentes e que contarán con “circuítos propios” de entrada e saída. Ademais, nos eventos de pé unicamente se poderá utilizar o 33 por cento da superficie total do lugar onde se celebre o concerto ou verbena. Neste caso, habilitaranse espazos para o consumo de alimentos e bebidas nunha “zona acoutada”.

Para os eventos sentados ao tope será de 10.000 persoas e os sectores poderán ser de mil persoas. O recinto poderá ocuparse ata o 50 por cento. Neste formato existirá unha área gastronómica con bebidas e comidas, pero tamén poderá utilizarse un “sistema de servizo específico” para servir persoas sentadas, “coma se fose unha terraza”.

Nun municipio con restricións máximas non se poderá levar a cabo ningún concerto ou verbena.