Desde este venres ata as 12 horas deste sábado, o total de incidencias xestionadas no 112 Galicia por mor das chuvias ascende a 335.
Ningunha representou un grave perigo para as persoas, sen prexuízo dos danos e inconvenientes derivados dos seus efectos. Así, o tráfico na AG-64, ao paso por Narón, quedou restablecido durante a noite pasada, en canto melloraron as condicións de seguridade.
Este sábado, o 112 Galicia recibiu avisos por un desprendemento de terra e pedras sobre a vía do tren, no seu paso por Ferrol, na Rúa das Cardosas. Os xestores do 112 pasaron esta información ao centro de seguridade de Renfe, que ten persoal traballando no punto co fin de restablecer o tránsito de convois o antes posible. Barallan as cinco da tarde como horario previsto para reiniciar a circulación nese punto.
Tamén se rexistrou o derrubamento dunha antiga capela en Muros, na Praza de San Pedro. A zona quedou sinalizada e non existe perigo de novos desprendementos.
En canto á tipoloxía das incidencias relacionadas coas chuvias intensas, cómpre destacar que, ao igual que na tarde de onte, as intervencións máis frecuentes son os anegamentos en estradas, rúas, vivendas e baixos, así como a formación de bolsas de auga nas estradas (233 entre e hoxe). Tamén se sucederon as caídas de árbores (48 en total) e as actuacións dos equipos de emerxencias para a prevención de maiores riscos (38).
Certamente, durante este sábado, o 112 Galicia rexistrou maior número de desprendementos de terra e pedras. Unha situación que pode repetirse máis veces nas estradas, polo que cómpre manter a precaución.
En relación ao reparto de incidencias por provincias, das 335 totais, 235 producíronse na Coruña, 69 en Pontevedra, 23 en Lugo e 7 en Ourense.
Se ben a tarde estivo a ser algo máis tranquila que a mañá en canto ao número de incidencias xestionadas por mor das chuvias, debemos sumar 143 intervencións máis ás 335 que se contabilizaron durante o día de onte e hoxe.
En definitiva, 478 incidencias en Galicia ata as seis desta tarde e tras dous días de chuvias constantes e desbordamentos puntuais en diversos ríos da Demarcación Galicia-Costa.
Como ata o de agora, o tipo de incidencias máis frecuentes foron as inundacións en estradas, rúas, vivendas, baixas, así como a formación de bolsas de auga nas vías. Tamén nas últimas horas producíronse desprendementos de terra e pedras, e continúa sendo a provincia da Coruña a máis afectada.
Como xa informamos con anterioridade, ningunha das intervencións representou un grave perigo para as persoas, aínda que si se rexistraron abundantes danos.