Desde a sede da asociación en Oleiros están a ultimar os preparativos do MERA TRI CAMP 2022 que ano tras ano organizan na Praia de Mera coa colaboración do Concello de Oleiros e a Deputación de A Coruña. Este ano será de novo nun formato máis reducido do habitual e só dirixido a nenos e nenas nados nos anos 2013 a 2017 ambos incluidos, atendendo as normas, protocolos e recomendacións sanitarias. Unha vez confirmada a participación dos asociados e segundo a dispoñibilidade de prazas, abren a quenda de inscricións para todos aqueles-as non asociados interesados en participar destas actividades estivais. O campamento desenvolverase como de costume de luns a venres durante os meses de xullo e agosto, en horario matinal de 11 a 14 horas. No mesmo tomarán parte entre 30 e 45 nenos de idades comprendidas entre os 5 e os 9 anos co obxectivo de pasar un verán divertido e dinámico baseado nas habilidades básicas e os valores propios do tríatlon, é dicir, a práctica da natación en augas abertas, o ciclismo e a carreira a pé. O privilexiado da contorna e a organización e control das actividades por parte dos monitores-as e adestradores-as veñen sendo nos últimos anos unha garantía de éxito.