Adaptación dos grupos de acción local de pesca ao futuro fondo europeo

1 minutes read

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, reuniuse con representantes dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia para informarlles dos pasos a dar de cara á adaptación e configuración dos grupos de acción local de pesca no marco do futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). Deste xeito, Galicia prepárase para aproveitar de xeito eficaz os fondos europeos destinados ao desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras.
Durante a xuntanza expúxoselles aos representantes dos grupos o que establece o Fempa en relación ao desenvolvemento local participativo e ás estratexias nesta materia. Os representantes da Administración autonómica tamén explicaron os requisitos que deben seguir os proxectos que desenvolvan os grupos no marco da nova ferramenta de financiamento. Os actuais grupos de acción local do sector pesqueiro dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da estratexia de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.