Adega convoca un ano máis a Limpeza simultánea de praias, unha xornada de voluntariado ambiental que ten como propósito concienciar á sociedade na loita contra a contaminación mariña. Esta novena edición terá lugar o sábado 17 de outubro en ducias de areais galegos, entre eles Baldaio.
Están chamados a participar na limpeza de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares.
O obxectivo das limpezas de praias é o de eliminar parte dos residuos que están nas praias como símbolo de chamada de atención sobre esta a situación de contaminación que sofren as praias e areais. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.
