Este martes empezaron os traballos de limpeza de pellets no litoral carballés. Persoal de Protección Civil conseguiu eliminar os residuos da Pedra do Sal, unha das praias carballesas máis afectadas xunto coa de Razo, pero aínda queda moito traballo por facer. Para levalo a cabo, o Concello de Carballo contará coa colaboración de Adega, que este mércores e o sábado 13 realizará dúas limpezas para intentar formar un equipo de coordinadores/as das posibles campañas que sexa preciso realizar. As persoas que queiran colaborar poden anotarse no formulario que atoparedes na web municipal.
“O obxectivo destas accións formativas é compartir os dez anos de experiencia que temos na limpeza de praias”, explican desde Adega. “É fundamental establecer un protocolo de actuación e unha mínima coordinación nos labores de limpeza da costa afectada para non causar maiores danos aos fráxiles ecosistemas litorais. Evitar a masificación, coñecer o medio, usar as técnicas axeitadas e dirixir os esforzos alí onde se precisa resulta chave para que os traballos de limpeza sexan realmente efectivos”, engade a asociación ecoloxista.
Desde o Concello de Carballo facilitaranse tanto persoal como todo o material necesario para levar a cabo os traballos de limpeza.