- Protección Civil e Policía Local protagonizarán o acendido deste elemento, que será retransmitido por Facebook
O goberno local de Muxía decidiu adiar ao luns, 7 de decembro, o acendido do alumeamento de Nadal debido ás probabilidades de chuvia. Así, a partir das 19:00 horas, membros de Protección Civil e Policía Local prenderán as luces da árbore nun acto que serán retransmitido a través do Facebook do Concello de Muxía.
Esta árbore será unha das de maior tamaño da comarca, con 10 metros de altura, e tamén unha das máis singulares ao contar con 10 aros, un por cada mes que levamos de pandemia.
O alcalde, Iago Toba, destacou que a elección dos membros da Policía Local e Protección Civil para o acendido da árbore estableceuse pola «súa encomiable labor desde que se decretase o estado de alarma, alá polo 14 de marzo».
Nos vindeiros días anunciarase a programación para estas festas, modificada polas restricións sanitarias. Actividades coas que a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, agarda que “non se apague o espírito do Nadal neste ano tan particular”.