Adiante Vimianzo recorre outra vez os pregos de contratación da renovación das luminarias

Concello de Vimianzo

  • O goberno local sinala que, con todo, o “procedemento segue en marcha”

Manuel Antelo, líder da forza política de oposición Adiante Vimianzo, interpuxo novamente ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (Tacgal) alegacións para frear a posta en marcha do proxecto de renovación de luminarias acadado mediante unha subvención millonaria do IDAE.

En abril Antelo xa presentara varios recursos dos que o Tacgal só aprobara un deles, relativo aos criterios de contratación do proxecto. Deste xeito, a Administración local comprometérase a revisar de novo estes puntos e convocara un pleno extraordinario o 26 de abril para aclarar a situación. Nesa xuntanza, Adiante Vimianzo votou en contra do acordo plenario xa que “non se atén ao literal da Resolución do TACGAL” e tamén insistiu en que se debería de ampliar o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas “por ter incluído unha nova memoria xustificativa.” Antelo criticou novamente a fórmula económica empregada para adxudicar o contrato incidindo en que é “claramente insuficiente e inadecuada.”

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, valora esta manobra como “outra pedra no camiño do traballo e nas iniciativas que responden a necesidades reais da veciñanza” aínda que non se sorprende. Insiste na legalidade dos pregos e asegura que tanto ela coma o seu grupo de goberno “intentarán ata o final que este proxecto sexa unha realidade”.