Adif abriu unha investigación para aclarar a caída de dous vagóns do tren de mercadorías descarrilado o pasado 28 de xullo en Carballeda de Valdeorras (Ourense) ao río Sil. Despois de que transcendesen unhas imaxes en que se pode ver como un dos vagóns cae ao río desde a zona en que descarrilara o convoi e outro que queda suspendido, fontes de Adif informaron de que o ente público abriu unha investigación para coñecer os detalles deste suceso.
BNG, PSdeG e Galicia en Común piden a retirada dos vagóns
Despois de que transcendese a caída dos vagóns ao río, o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso a través da que pide a retirada inmediata destes para proceder a «reparar o dano ambiental causado». Ademais, pide que se lle comuniquen os feitos á Fiscalía.