Admitido a trámite o recurso dos hostaleiros de Pontevedra contra o peche decretado pola Xunta

1 minutes read

A Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso interposto polos hostaleiros de Pontevedra contra a medida de peche temporal do sector adoptada o 26 de xaneiro de 2021 pola Consellería de Sanidade. 

 Tal e como confirmaron fontes xudiciais, o TSXG, «tras devolver o recurso por defectos de forma o pasado 18 de febreiro e recibir a documentación que faltaba, admitiuno a trámite». A Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos) engadiu que o Tribunal requiriu á Xunta que remita o expediente sobre o que fundamentou a disposición xeral pola que decretou o peche. Ademais, acordou «formar peza separada para estudar a solicitude de medida cautelar» da suspensión do peche temporal. 

Este recurso contencioso-administrativo foi presentado pola Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría o pasado mes de febreiro contra a decisión da Administración autonómica de manter o peche da hostalaría e para pedir a apertura cautelar do sector hostaleiro.