A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere amosar o seu agradecemento a todas e todos os membros da comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos e que supuxo acadar unha cifra de 2.083 doazóns, das cales 780 (un 37%) correspondían a persoas que doaban por vez primeira.
ADOS principia, no presente mes de marzo, a segunda fase da campaña especial de doazón de sangue na Universidade, que se prolongará ata o vindeiro mes de maio, marcándose como obxectivo de renovar a base de doantes e superar ás 4.601 doazóns recollidas no pasado ano académico, e que, debido ao duro confinamento, motivou a cancelación da segunda fase da campaña no pasado curso académico.
Esta participación, condicionada polas circunstancias actuais de pandemia, supón para ADOS un motivo para reforzar o programa de captación de doazóns no eido universitario, aumentando as facilidades e os protocolos de seguridade para acadar un aumento na participación do colectivo universitario que sempre ten amosado a súa faciana máis solidaria.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido educativo, tanto en centros de educación non universitaria como universitaria xa que, para moitos mozos e mozas, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.
Así mesmo, e debido á situación sanitaria que estamos a vivir, ADOS está a facer un importante reforzo dos protocolos de seguridade e a facilitar o acceso do colectivo universitario ás campañas de doazón, polo que, no transcurso desta segunda fase, facilitase un código QR para poder obter máis información sobre o proceso de doazón, requisitos para doar sangue e medidas de seguridade. Ademais, as persoas que desexen participar tamén poden, sí así o desexan, solicitar cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828.