A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida a cidadanía galega a doar sangue nos días previos aos festivos de Semana Santa, en especial aos doantes A Positivo e 0 Positivo. As reservas destes dous grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS.
En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En períodos vacacionais, como Semana Santa, pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue. Neste sentido, lembrar que durante todos os días do ano, precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos realicen o seu labor asistencial de maneira axeitada.
Doar é moi sinxelo e seguro
Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.
As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.
ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:
| DATA | CONCELLOS |
| Luns 11 de abril | Pontedeume, Os Rosales e Os Mallos (A Coruña), Silleda, Muros, Vilanova de Arousa, A Cañiza, Fornelos de Montes, Mondoñedo, Rúa do Paseo (Ourense) |
| Martes 12 de abril | Cedeira, Sada, Canton-Obelisco (A Coruña), Bertamiráns (Ames), A Picota (Mazaricos),O Grove, Balaídos e Rúa Príncipe (Vigo), Ribadeo, Xinzo de Limia |
| Mércores 13 de abril | Miño, A Laracha, Vilaboa, Area Central (Santiago), Sigüeiro (Oroso), Caldas de Reis, Ponteareas, Rúa Príncipe (Vigo), Praza Horta do Seminario (Lugo), O Posío (Ourense) |
| Sábado 16 de abril | Cabanas, A Laracha, Milladoiro (Ames), Lalín, Ponteareas, Xinzo de Limia |