ADOS convida aos estudantes a participar activamente nas doazóns


A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), visitou as Facultades de Enfermería e de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, acolleu a visita e a doazón do reitor da USC, Antonio López Díaz, quen estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García. Desde ADOS, quere poñerse en valor a recente sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Axencia e a USC, co obxectivo de promover a doazón de sangue altruísta nos centros educativos dos campus de Santiago e Lugo. Tanto o reitor da USC como a directora de ADOS, coincidiron en salientar o carácter solidario dos estudantes galegos que realizaron 2.083 doazóns de sangue no transcurso da primeira fase do presente curso académico. Neste sentido, salientar que a Universidade de Santiago de Compostela foi a de maior participación das tres universidades galegas neste inicio de curso, rexistrando un total de 798 doazóns. ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requerimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade, cun complexo balance sociodemográfico.