ADOS lembra a importancia de doar sangue nas xornadas previas á ponte do 1 de maio

1 minutes read

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), lembra a importancia de doar sangue todos os días do ano pero, especialmente, en datas como pontes festivas, xa que estes períodos poden coincidir cos de maior demanda de compoñentes sanguíneos, por mor dun posible incremento das urxencias. Cómpre lembrar que os hospitais galegos precisan unha media de 500 doazóns de sangue diarias para levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial, unha cifra que se mantén constante ao longo do ano. ADOS convida á cidadanía a amosar o seu carácter solidario doando sangue nestas datas, pero, tamén, durante o resto ano. Nestes momentos, as reservas de compoñentes sanguíneos atópanse en niveis normais, polo que non é preciso facer fincapé nun grupo sanguíneo concreto, e resulta axeitada a participación de todos os doantes.