ADOS pide colaboración para doar sangue dos grupos 0 positivo, A negativo e A positivo

Doantes xunto á unidade móbil ADOS, en Carballo.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un chamamento xeneralizado á participación da cidadanía e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos 0 Positivo, A Negativo e A Positivo.

As xornadas festivas xunto coa situación actual da pandemia, con máis de 59.000 casos activos, repercuten nos niveis de reservas dos distintos grupos sanguíneos, polo que resulta preciso reactivar o permanente chamamento á doazón. Cómpre lembrar que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.

En moitos dos labores asistencias que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En ocasións pode baixar o número de doazóns, como nas circunstancias actuais, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que necesitan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue.

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.