A Asociación Cultural Adro de Vilaño entregou os cheques solidarios recadados na Andaina Saudable e Solidaria, organizada dentro da VIII Carreira do Apóstolo, doando 500 € a Cáritas da Laracha e 500 € á Asociación Española Contra o Cancro.
O pasado 12 de xullo, máis de 1.000 persoas de entre 8 meses a 85 anos convertiron as rúas de Vilaño nunha festa do deporte, a diversidade e a convivencia, lembrando que cada paso conta. Arredor de 500 andaríns ateigaron a andaina solidaria, acompañados no evento por colectivos de inclusión como Empujando Sonrisas, Mi Princesa Rett e Marines ENKI, mentres máis de 50 voluntarios, entre eles o equipo de atención á diversidade identificados con panos violetas, garantían un espazo aberto para todos e todas.
“Estar activos, en movemento e ser solidarios é o mellor xeito de facer un mundo mellor. Cada paso suma e cada persoa importa”, subliñou Juan Ramos, tesoureiro da Asociación e coordinador do evento, quen leva anos impulsando esta cita.
Con esta entrega, Adro de Vilaño supera xa os 5.000 € doados a entidades sociais desde que comezou a organizar a Carreira do Apóstolo. Estas achegas axudarán a Cáritas a apoiar familias da Laracha e á AECC a continuar co seu labor de investigación e acompañamento.
Desde Adro de Vilaño agradecen de corazón a participantes, voluntariado e entidades colaboradoras, lembrando que cando a comunidade se move, todo é posible.