Adro de Vilaño lanza a iniciativa “Aldea Cultural” para dinamizar a vida no rural

2 minutes read

Adro de Vilaño (AV) presenta o proxecto Aldea Cultural, unha iniciativa na que a asociación leva meses traballando, e que ofrece unha programación variada de actividades culturais, educativas e divulgativas durante abril, maio e xuño, dirixidas a persoas de todas as idades.

Tras unha década de actividade (2016-2026) no ámbito deportivo, gastronómico e festivo, a Asociación aposta agora por consolidar unha programación de valor, variada e recorrente, co obxectivo de crear unha comunidade unida, activa e participativa no rural.

Diego Rama, presidente da entidade, explica que Adro de Vilaño vai máis alá do ámbito local e busca ser “un punto de encontro para persoas de polo menos 30 km á redonda”, con propostas para que “a xente se exprese, conecte, aprenda e en definitiva, mellore a súa calidade de vida”.

O programa inclúe o ciclo bimensual “FOLGOS: exprésate e conecta”, cos obradoiros de de Escritura Creativa e Gravado en Relieve, así como Os Faladoiros que achegarán o formato de “café filosófico” a Vilaño. Para familias, haberá clases ao aire libre de Teatro en Familia e Teatro na Natureza, así como obradoiros sensoriais, contacontos e obradoiros de astronomía. Os máis grandes contarán tamén cun Obradoiro de cerámica e cun Obradoiro de emprendemento rural.

A programación articúlase nos tres eixes de actividade nos que traballa Adro de Vilaño: “Comunidade”, orientado a crear e fortalecer relacións entre a xente, “Cultura” cuxo foco está en poñer en valor quen somos e o lugar no que vivimos, e “Movemento”, que busca promover unha vida activa e saudable. Os tres eixes buscan promover unha “comunidade unida e activa” desde diferentes enfoques, en liña cos obxectivos da Asociación.

Como punto a destacar, as actividades FTM! (Faino Ti Mesmo!) son propostas levadas a cabo por persoas da Comunidade AV, que xa conta con 450 membros. Este formato permite que calquera persoa poida organizar actividades, favorecendo así unha programación construída desde dentro da comunidade e adaptada ás súas inquedanzas. A Asociación anima a todas as persoas con ideas ou proxectos a propoñelos a través da web.

A maioría das actividades son gratuítas ou a prezos accesibles, financiadas inicialmente con fondos propios da asociación e con solicitudes de apoio público pendentes. O Centro Sociocultural de Vilaño será o principal punto de encontro, converténdose nun referente cultural da zona.

Desde Adro de Vilaño destacan a importancia de achegar o acceso á cultura ao rural, xerando espazos para compartir, aprender e crear en comunidade.

As persoas interesadas poden consultar toda a programación e realizar as inscricións en: https://adrodevilano.com/actividades

Tamén poden obter máis información a través das redes sociais da asociación e consultar dúbidas no correo adro@adrodevilano.com